No último ano, realizamos importantes avances das accións expostas no Paquete 3 (PT3 – actuación 3.3. —Ecoloxía operacional do plancto-) do Plan de Ciencias Mariñas de Galicia, financiado polos fondos NextGeneration (UE).

O traballo do GOB no PT3 consiste en determinar a actividade fotosintética do fitoplancto e a diversidade do plancto microbiano na ría de Vigo. Desde abril de 2023, levamos a cabo mostraxes semanais para a caracterización de organismos, comunidades e procesos da comunidade planctónica con tecnoloxías analíticas e ópticas máis automatizadas, que permiten reducir o tempo do procesamento e análise de mostras. En concreto, variables asociadas á produción primaria a través de parámetros relacionados coa fluorescencia activa, pero tamén a partir do emprego de isótopos de carbono.

Para estas análises, estamos a realizar as mostraxes na Estación Fixa da Ría de Vigo a bordo do buque oceanográfico Mytilus xunto ao IEO-CSIC para coñecer a concentración de clorofila a (Chla) ata en tres profundidades da columna de auga. Así, con estas mostraxes determínase parámetros fotofisiológicos grazas á fluorescencia activa e o uso do “PhytoPAM”, un fluorómetro de pulsos de amplitude modulada. Con esta nova ferramenta de observación e monitorización do medio mariño, podería chegar a automatizarse a obtención de información tan relevante para a condición do plancto como a fluorescencia basal, a eficiencia fotosintética do fotosistema II (PSII) ou parámetros como a taxa de transporte de electróns, a irradiancia mínima de saturación.

Na actualidade continúa a fase de mostraxe de campo e obtención de mostras, que se completará en outubro de 2024. Posteriormente, e durante o resto do proxecto, o esforzo centrarase na análise de datos. Os obxectivos principais son atopar relacións empíricas entre variables de fluorescencia de medida rápida e a produción primaria na ría de Vigo, e caracterizar a abundancia de diferentes grupos funcionais no plancto microbiano mediante tecnoloxías ómicas.

Coñecendo a dinámica da comunidade de fitoplancto ao longo de ciclo anual podemos comprender o estado actual do primeiro elo da cadea trófica no mar, permitindo, ademais, progresar na monitorización e predición de eventos ecoloxicamente relevantes, como as floracións de algas nocivas.